Nos arquivos do Ministerio de Cultura figuran 33 nativos da provincia que foron vítimas do Holocausto
Francisco Albo LA VOZ DE GALICIA 5, febreiro 2020
Polo menos 33 naturais da provincia de Lugo foron deportados durante a Segunda Guerra Mundial aos campos de concentración nazis, segundo os datos históricos recollidos e difundidos en Internet no Portal de Archivos Españoles do Ministerio de Culturas. Destas vítimas lucenses do Holocausto -conmemorado pola ONU o pasado día 27-, só sobreviviron doce, mentres que o destino final dunha delas segue sendo descoñecido.
Todos os prisioneiros lucenses rexistrados nesta relación, elaborada polos historiadores Benito Bermejo e Sandra Checa, eran homes e presumiblemente estaban exiliados en Francia cando foron feitos prisioneiros polo réxime nazi. Na súa grande maioría -en 28 casos- foron enviados ao campo de Mauthausen, en Austria, onde se concentraron moitos prisioneiros republicanos españois.
Polo que respecta aos falecidos, a maioría deles morreron entre 1941 e 1942. Por municipios, o que rexistra un maior número de mortos é o de Cervantes, de onde procedían Manuel Fernández Fernández, José Fernández Pérez e Jesús Méndez López. Outras dúas vítimas mortais, Andrés Alonso Losada e José Caneda Macía, eran naturais de Ribas do Sil. No municipio das Nogais cóntanse outros dous mortos, chamados Liberio Bailín Pérez e Balbino Santín Aira.
Os demais falecidos que figuran na relación son Jesús Arias López (Sarria), Manuel Lamelas López (Viveiro, falecido en 1943), Ricardo López López (O Saviñao), Ricardo López Reymóndez (A Fonsagrada), Jesús Murado Mazoy (Pol), Rafael Pardo Vallés (O Corgo) e Manuel Pardo, natural de Viveiro e morto no campo de Dachau en 1944.
Superviventes
En canto aos que conseguiron sobrevivir ata 1945 e puideron ser liberados polas forzas aliadas, o maior número corresponde ao municipio de Lugo, lugar de orixe de Benigno Castro Gandoy (preso en Dachau), Enrique Doval Reija e Francisco Otero Saavedra. Os outros prisioneiros lucenses que resistiron ata que terminou a guerra foron Miguel Colmenero Fernández (Ribas do Sil, internado no campo de Dachau), Aureliano Díaz Hortas (Outeiro de Rei), Manuel Domínguez Núñez (Becerreá), José Fernández Fernández e Juan González Pillado (ambos de Ribadeo), Benigno López Caloto (Samos) e Marcelino Pérez Díaz (Becerreá).
É diferente o caso de Salvador Ferro, natural de Lugo e prisioneiro en Mauthausen, de quen non se sabe se morreu durante o cativerio ou se logrou sobrevivir.
O portal de Internet onde foi divulgada esta lista, por outra parte, acepta a colaboración de todas as persoas que poidan achegar datos relativos aos prisioneiros españois dos campos nazis que figuran nesta relación ou que quedaron fóra dela.

