
Casto Martínez Parada naceu o 23 de xuño de 1883 na casa da Berrea, en S. Pedro Valcárcel, Trascastro concello do Incio, fillo de Manuel Martínez Campo e María Manuela Parada, ambos de Santalla de Trascastro. Foron en total catro irmáns: Carolina, Luís, José Luís e Casto, aínda que tiveron tamén outros medio irmáns.
Estivo traballando de peón nos altos fornos de Bilbao, vivindo en Baracaldo, e casou con Genoveva Maza Ruiz, de Ojevar de Rasines (Santander), con quen tivo varias fillas. Unha destas fillas, Dolores Martínez Maza, é entrevistada por Montse Armengol no libro “El Convoy de los 927”.
PASO POR FRANCIA
Ao final da guerra de España, exíliase a Francia coa súa familia. Coa chegada das forzas invasoras nazis son levados ao Frontstalag 184 na localidade de Angulême. El e a familia son apresados e levados no Convoi dos 927 a Mauthausen o 20 de agosto de 1940. Casto é baixado nesa parada mentres que o resto da familia retorna nese mesmo tren a Francia. A súa muller foi devolta a España mentres que a súa filla Dolores (Lolita), enferma, foi deixada no hospital de Girac onde foi auxiliada por Ángel Olmedo, con quen despois casaría.
Casto Martínez Parada foi internado no campo de concentración de Mauthausen o 24 de agosto de 1940 co número 4040, e trasladado a Gusen, onde ingresa o 24 de xaneiro de 1941 co número 9421.
É asasinado o 28 de xulllo de 1941 no subcampo de Gusen, na coñecida como A Bañeira, lugar onde deixaban a presos para a súa conxelación. O seu delicto, segundo a filla Dolores, ter gardado unhas mondas de pataca para darlle aos compañeiros. Tiña 58 anos.
Nota: Nos documentos de Arolsen figura como data de nacemento de Casto o 22 de xuño/xullo de 1880.

Ubicación Stolpersteine: Praza de España, 1. O INCIO ( diante do concello)
Data de colocación: 31 de xaneiro de 2026

