Vitorino Díaz Hortas naceu en Outeiro de Rey (Lugo) o 31 de maio de 1910.

De familia de labregos, eran cinco irmáns e duas irmás, dos cales un quedou na casa e dous emigraron a Arxentina e Cuba. Dende moi novo traballou no campo xunto co seu irmán Aurelio. Emigrou a Barcelona, onde lles colleu a guerra de España a el e a Aurelio.

Ao finalizar a guerra civil, os dous irmáns tiveron que exiliarse feridos a Francia con outros republicanos españoles considerados como prisioneiros civís e levados á praia  de Argelès,  por seren exiliados por causas políticas. Ao estalar a II Guerra Mundial, foi levado canda seu irmán, polas autoridades francesas a integrar as Compañias de Traballadores Extranxeiros para reforzar as defensas militares no nordeste do país.

Cando o exército alemán invadiu Francia, Vitorino, que se atopaba na 22ª CTE en Saint Dié des Vosges, foi encerrado en xuño de 1940 nun campo de prisioneiros de guerra: o stalag XI-B en Bad-Fallingbostel, na Baixa Saxonia (Alemaña). O 27 de xaneiro de 1941 foi deportado a Mauthausen (Austria) co número 5494.

Carta de homenaxe a Vitorino enviada ao seu irmán Aurelio

Vitorino, que polo seu precario de estado de saúde xa non podía traballar, foi trasladado o 8 de abril do mesmo ano ó subcampo de Gusen co número 11840. Alí levaban aos que estaban en peores condicións para exterminalos, e Vitorino morre o 6 de xaneiro de 1942.

Nota: Nos documentos de Arolsen figura como data de nacemento de Vitorino o 22 de maio de 1910, e no Banc de la Memòria Democràtica figura o 21 de maio de 1910.


Ubicación da Stolpersteine: Praza do Concello, 1 OUTEIRO DE REI

Data da colocación: 30 de xaneiro de 2026

Últimas novas