
Aurelio Díaz Hortas naceu en Outeiro de Rei (Lugo) o 15 de febreiro de 1905. De familia de labregos, eran cinco irmáns e duas irmás, dos cales un quedou na casa e dous emigraron a Arxentina e Cuba. Dende moi novo traballou no campo xunto co seu irmán Vitorino.

Aurelio non quería ser un escravo e as súas inquedanzas levárono a A Coruña. Entrou na policía en 1934 e foi destinado en Barcelona na 45ª Compañía de Asalto, a onde se trasladou co seu irmao Vitorino, e onde coñeceu a que sería súa esposa (Isabel) coincidindo co estalido da Guerra Civil. Combateu no exército republicano nun grupo de choque da policía, é ascendido de cabo a sarxento por méritos de guerra o 3 de febreiro de 1937, chegando posteriormente a tenente.
Ao finalizar a guerra civil, os dous irmáns, Aurelio e Vitorino, tiveron que exiliarse feridos a Francia con outros republicanos españoles considerados como prisioneiros civís e levados á praia de Argelès, por seren exiliados por causas políticas. Ao estalar a II Guerra Mundial, Aurelio foi levado polas autoridades francesas como traballador para reforzar a liña Maginot no nordeste do país. Cando o exército alemán invadíu Francia, Aurelio foi encerrado nun campo de prisioneiros de guerra, o “Stalag” XII-D en Trier (Tréveris) en Renania – Palatinado a poucos quilómetros da fronteira con Luxenburgo . O 25 de maio de 1941 foi deportado a Mauthausen (Austria) co número 4507 onde xa se atopaba o seu irmán Vitorino, que, polo seu precario estado de saúde, como xa non podía traballar, foi trasladado ó subcampo de Gusen, morrendo alí.
Aurelio Díaz Hortas continuou en Mauthausen e sobrevivíu. Viu ós seus camaradas morrer convertidos en esqueletos, entrar nos crematorios, a uns metíanlles a cabeza en alquitrán fervendo e outros eran enterrados vivos.
Foi en Mauthausen onde Aurelio recibíu una carta na que se lle informaba do falecemento da súa muller en España e de que a súa filla (Encarna), de 6 meses, fóralle confiada a outro irmán en Galicia.
Sobreviviu, entre outras cousas, grazas ás ganas de vivir, ocupando postos de traballo nos que ser indispensable. Foi carpinteiro e púidose adaptar a numerosas situacións, sempre formando parte de comités clandestinos de prisioneiros coa misión de conservar a moral dos camaradas.
Rematando a guerra foi enviado a unha fábrica de armamento, que despois foi bombardeada, polo que foi devolto a Mauthausen, pasando polos subcampos de Steyr-Münichholz e Gusen no mes de abril de 1945.
Ao ser liberado Mauthausen o 5 de maio de 1945, Aurelio con varios camaradas abandonaron o campo nun barco polo Danubio ata atoparse coas tropas rusas, que os levaron a Viena, onde quedou uns tres meses dado o seu precario estado de saúde, despois de anos de horror e malnutrición.
Estableceuse en Grenoble onde coñeceu a Hélene Blanc, viúva doutro deportado falecido en Buchenwad , quen foi a súa compañeira para o resto da súa vida. Traballou, entre outras cousas, nunha empresa industrial facendo túneis nos Alpes.
O seu irmán Dositeo enviou a Encarna, filla de Aurelio, a Francia con 12 anos, para reencontrarse co seu pai, aprender francés e o oficio de peluqueira nos anos posteriores, chegando a crear un salón de peluquería en París.
Aurelio faleceu o 6 de maio de 2006, deixándonos esta derradeira reflexión: “Pienso que es más que necesario darse la mano, hay todavía demasiada pobreza y destrucción de este planeta. De forma distinta al pasado, algunos grandes poderes económicos representan una amenaza por su voluntad de dominar el mundo. La lucha de oprimidos contra opresores, contra el fascismo que se expresa de nuevo día a día, queda siempre de actualidad”.
Información proporcionada pola súa filla Encarna Díaz
Nota: Nos documentos de Arolsen figura como data de nacemento de Aurelio o 11 de febreiro de 1905.

Ubicación da stolperstein: Praza do Concello, 1 OUTEIRO DE REI
Data de colocación: 30 de xaneiro de 2026

