EL PROGRESO 29 DE XANEIRO 2026

“Aquí traballou Rafael Pardo Vales, nacido en 1912, exiliado en Francia, deportado en 1941 a Mauthausen, asasinado o 7 de xaneiro de 1942 en Gusen“, pode lerse no primeiro Stolperstein dedicado aos deportados a campos de concentración nazis na provincia, que este xoves se colocou en Laxosa, no Corgo, diante da estación de tren na que foi ferroviario. A familia mantivo durante todo o acto na man, ata colocala no chan, esa ‘pedra para tropezar’, unha das máis de 100.000 espallados en Europa para lembrar as vítimas do nazismo, obra do artista Gunter Demnig. Aínda que en Ribadeo xa se colocaron varias en homenaxe ás vítimas do franquismo, este é o primeiro Stolperstein para os deportados.

“Vai ser un día de moita emoción”, dicía a súa sobriña neta, Isabel de la Cruz, antes de comezar, acompañada polos seus irmáns e sobriños. “Nós tamén estamos emocionadas, por todo o que representades”, respondeu Carmen Díaz dende o público, entre o que estaba tamén Ramón López, de Ribadeo, neto e bisneto de represaliados, e Iria Castro, responsable da área de Cultura na Deputación de Lugo.

As sobriñas netas de Rafael Pardo, coa foto del e o Stolpersteine. XESÚS PONTE
As sobriñas netas de Rafael Pardo, coa foto del e o Stolperstein. XESÚS PONTE

O alcalde do municipio, o popular Felipe Labrada, abriu o acto destacando a importancia deste “adoquín, que supón un acto de xustiza para recoñecer as vítimas”. Seguiulle na palabra a concelleira nacionalista Pilar Bellón, quen viu cumprirse así a moción que defendeu en 2023, aprobada pola unanimidade do pleno que tamén estivo no acto. “Gustaríame que cada vez que pasedes por aquí lembredes esta historia de vida”, destacou, e a historia dos 5519 españois que morreron asasinados polos nazis.

Rafael Pardo Vales é un deles. A súa vida estivo vencellada a este lugar onde recibiu a homenaxe, que foi posible grazas ao traballo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). “Non imos parar ata recoñecer a todas as vítimas”, 39 en toda a provincia, das que sobreviviron 16, segundo destacou Miguel Freire, que coordina o equipo que asume a investigación en Lugo.

O pai de Rafael xa traballaba de gardaagullas nesta estación á que volveu o seu nome. As súas cinco irmás tamén casaron con ferroviarios e Sara, unha delas, traballou como augadora para os viaxeiros que alí paraban, segundo contou Isabel. A súa avoa tamén o viu por última vez nunha estación, a da Coruña. “Choraba pensando que, se cadra, non o volvería ver”, dixo. El marchaba para Barcelona a servir á Segunda República como Guarda de Asalto, e non, xa non volvería. 

Exilio

Tras a victoria dos golpistas, el e o seu sobriño exiliáronse en Francia, como tantos republicanos. Primeiro, pasaron por un campo de refuxiados e despois foron incorporados a Compañía de Traballadores Estranxeiros para loitar na Segunda Guerra Mundial. Coa vitoria nazi, na Francia xa ocupada, fixéronos prisioneiros de guerra, e cun pacto a tres, entre Franco —que os declarou apátridas—, Hitler Pétain, foron deportados. No caso de Rafael, primeiro a Mauthausen, e despois a Gusen, onde foi asasinado o 7 de xaneiro de 1942

“Normal que a miña avoa chorase cando poñían películas de guerra, nas que saían os nazis”, comentou Isabel, que foi por esas bágoas que soubo da historia familiar e “da morte inxusta de Rafael, que defendendo a xustiza e a República viuse totalmente abandonado, coma tantos”, destacou. 

Na memoria desa dor, Isabel de la Cruz alertou do perigo dos tempos actuais, con “matóns do ICE que se levan a veciños e que executan a quen intenta protestar, e países que esquecen os dereitos humanos, algo que saben ben en Gaza, ou Ucraína, por mirar cerca. Por todo isto, “é importante tropezar coa verdade”, comentou.

83841/ foi o número que levaches no Stalag X-B de Sandbostel/ 3608/ o número que che deron en Mauthausen/ 13123/ o número co que te rexistraron no subcampo de Gusen/ Non volveron mudarte o nome por máis números”, di o poema que escribiu para o acto Mónica Caldeiro, veciña tamén do municipio. “Eiquí fica ese nome gravado en ouro/ na súa orixe/ trala viaxe de volta”, remataba o texto, nesa “honra de estar aquí”.

Tocou tamén no acto a agrupación A Legua Dereita e, asemade, a sobriña bisneta de RafaelCarolina Barbeito de la Cruz, integrante da coruñesa Donaire, que interpretou a ‘Jota de la Jarra’ con canto e pandeireta: “No la llevaba con vino/ que la llevaba con agua/ para regar los claveles/ que tenía en la ventana”.  E eses caraveis tamén repousaron finalmente sobre o Stolperseine, con tres rosas vermellas, “unha por cada década que viviu, unha vida plena e apaixonada”, destacou Isabel.

Homenaxes o venres e o sábado

Este venres colocarase outro Stolperstein en Outeiro de Rei en homenaxe a Aurelio e Vitorino Díaz Hortas. Será na Casa do Concello, ás 12.00 horas, coa presenza da filla e sobriña dos homenaxeados, integrantes da ARMH, representantes locais, interpretación da Escola Municipal de Música e recitado de Maruxa Boquete.

Este sábado tamén se colocará outro no Incio en homenaxe a Casto Martínez Parada, ás 12.00 horas no Concello. Ademais do alcalde e da ARMH, participará a sobriña neta, Rebeca Martínez, a escritora Marica Campo e a agrupación Os Picurruchos.

Últimas novas