TIO RAFAEL


Pois aquí estamos, en Laxosa, acordándome moito da miña avoa. Ela me contaba contos da súa xuventude, da estación de Laxosa, do seu pai gardaagullas, da súa irmá Sara que, para gañar uns cartiños,facía de augadora para os viaxeiros dos trens que paraban na estación; da súa outras irmáns, Visita e Herminia, que casaron igual que ela con ferroviarios e formaron as súas familias por España adiante. Da outra irmá África, coa que se levaba 9 anos, como eu coa miña. Todo un carácter a tía África; casou aquí, co ferreiro do pobo, Serafín Vila Jato, un home viúvo con dous fillos. Ata aquí, a Laxosa, no verán, chegaban moitos sobriños á casa de Serafín e África; entre eles meu pai,, o seu irmán Angel, pai do meu curmán, hoxe presente tamén nesta homenaxe; o pasaban moi ben bañándose no río Chamoso e montando ao burro Perico, o burro do seu padriño Serafín.


A meu pai, puxéronlle Rafael, polo irmán máis pequeno da miña avoa. Ela levábase con
Rafael ano e medio. A tía Visita tamén lle puxo Rafael a un dos seus fillos. Contoume a avoa que despediu ao seu irmán na estación de A Coruña. Rafael marchaba para Barcelona.A avoa choraba pensando que se cadra, non o volvería a ver.
Así foi. Rafael e o seu sobriño, José Sánchez Pardo, fillo da tía Visita, foron gardas de asalto en Barcelona. Rafael era 5 anos máis vello que José. Rematada a guerra civil, marchan a Francia; seguramente, logo de pasar por campos de refuxiados. Francia, de algún xeito os “obriga” a incorporarse á compañía de traballadores estranxeiros . Alí , en Francia son capturados como prisioneiros de guerra. Rafael, descoñezo a sorte de José, foi prisioneiro no Stalag X_B cerca de Bremen. O 3 de marzo do 41 foi trasladado a Mauthausen.


Xunto co resto de prisioneiros españois, perden o status de prisioneiros de guerra, son
considerados apátridas, ninguén os vai reclamar; levaban un triángulo azul invertido,rojos españoles, rotspaniers. 4 meses despois, a finais de xuño trasládano a Gusen. Alí levaban aos que xa non valían para levar pedras. Resistiu ata xaneiro, morrendo un 7 de xaneiro do 42, con temperaturas naquel inverno austríaco de -25 º C. Sóubose tamén pola Cruz Vermella que José correu a mesma sorte que Rafael, morrendo 5 meses máis tarde.


Normal que a miña avoa chorara cando poñían películas de guerra, nas que salían os nazis. Moitas veces nin as podía acabar de ver. E cando eu un día lle preguntei porque choraba, foi pola caixa das fotos e souben do tío Rafael. Coñecino a través das fotos. Foi totalmente inxusta a súa morte, coma a de outros, que crendo na lei, na xustiza, defendendo a República víronse totalmente abandonados, esquecidos, ata polas súas familias no medio da represión e do medo imposto polo dictador. Pero xa acabou o tempo de silencio.


Non son estes tempos para la lírica, cando estamos vendo situacións que nos recordan
tempos pretéritos: matóns do ICE que se levan a veciños, que executan aos que intentan protestar ante a barbarie, países que esquecen as leis máis elementais dos dereitos humanos. Sábeno ben en Gaza, en Ucraína, por mirar cerca das nosas fronteiras. Parecera que non aprendemos da historia. É incrible, se non fose verdade, que volva soar o Cara ó Sol… é en xente nova!!


A min como mestra faime pensar…. pero isto é outra historia.


Por último, moitas grazas aos voluntarios da ARMH, a Clara Bernal, que escoitou a miña
historia. A Carmen, por suposto, a todos e todas os que colaboran coa memoria, co
espallamento da verdade, aos arqueólogos que traballan nas fosas, ao Concello de Lugo polo acto tan emotivo no vello Cárcere e ao Concello de O Corgo por contribuír a que o recordo do noso tío Rafael, do veciño Rafael Pardo Vales, do irmán da avoa, que hoxe se vivise, estaría chorando de emoción. Moi orgullosa que Laxosa e o recordo de Rafael transcenda no tempo e para que, os que virán detrás, as novas xeracións, tropecen coa verdade . Moitísimas grazas a todos!!

Isabel de la Cruz

LAXOSA, O CORGO, 29 de xaneiro de 2026.

Últimas novas