Poema escrito e lido pola poeta Mónica Caldeiro o 29 de xaneiro de 2026 durante a colocación do Stolperstein na honra de Rafael Pardo Vales:
83841
foi o número que levaches no Stalag X-B de Sandbostel
3608
o número que che deron en Mauthausen
13123
o número co que te rexistraron no subcampo de Gusen
Non volveron mudarte o nome por máis números
Din os historiadores que para perpetrar un xenocidio é precisa a deshumanización dun grupo humano. O teu veciño deixa de ser o teu veciño. O teu veciño convértese nun obxecto que cómpre exterminar. Un obxecto é unha cousa inanimada e inerte que se pode levar nas mans.
Un corpo tamén pode volverse inanimado e inerte. Tamén se pode levar coas mans.
Cando existe a produción repetida dun obxecto dáselle un número de serie. En certos casos, como nos exterminios xenocidas, ao obxecto pódenselle dar até tres números que pertencen a distintas series, todas elas determinadas pola súa produtividade e capacidade de traballo.
Así, até a aparición de enfermidade. Así até que o doente sente o oco da fame facerlle un
nobelo de intestinos saturados de vermello debaixo do peito, e entón escribe nun anaquiño de papel co pequeno lapis de carbón dun compañeiro finado un soño que lle evoca a fame:
bacallau con patacas e pemento doce
caldo de gloria e verzas
manxares de Entroido
crema pasteleira case laranxa, de tan puro que lle era o ovo
Aquel era un soño de soñar co retorno
mais só volveu un nome gravado en ouro que se pode coller coas mans
unha lastra inanimada e inerte
O nome tivo un día mans tamén
mans para peitear o pelo para arranxar a barba con navalla
para defender a súa obriga para coller coa súa man outra man e aloumiñala
Eiquí fica ese nome gravado en ouro
na súa orixe
trala viaxe de volta
Mónica Caldeiro

